Wednesday 24 de April de 2024

Baobab Teatro trae a Fene este domingo os seus Contos para un caldiño


O local social da SCRD Agarimo de Sillobre acolle este domingo, ás 13.00 horas, o espectáculo
familiar “Contos para un caldiño”, da compañía Baobab Teatro. Trátase dun espectáculo de contos
moi divertido e participativo, recomendado para nenos/as a partir de 3 anos e familia. A entrada será
de balde até completar o aforo.

En “Contos para un caldiño”, “Andrea é a encargada de facernos un caldo atípico, un caldo que
precisa ingredientes moi especiais. O ingrediente principal son as orellas que escoitan; pero outros
ingredientes que darán sabor a este rico caldo son as historias: historias visuais, historias de libros e
historias dramatizadas, aderezadas con fermosas cancións”.

“Contos para un caldiño” convida ao público a escoitar e deixarse levar polas historias e os obxectos
visuais que se presentan; un sombreiro que non é un sombreiro, unha rata que se transforma nun
momento… Xuntos construirán unha sopa máxica con poderes especiais para facelos máis altos,
máis rápidos. e máis fortes, se así o queren…

Neste espectáculo cocíñanse contos e historias para que cheiren mellor, que entren polo nariz e se
poidan degustar. O tema das historias é moi variado (historias tradicionais e de nova creación), pero
todas elas historias que transmiten valores positivos.

Espectáculo organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Fene coa colaboración de AGADIC
– Xunta de Galicia (programa Cultura no Camiño 2021) e SCRD Agarimo de Sillobre
Máis información na web do Concello de Fene, www.fene.gal